| |
|
|
Comunicaciones |
|
Tecnologías de la comunicación y la información |
Mesa 5.6. Tecnologías 6: TICS y gestión de la comunicación
|
|
 |
| Vila Núñez, María Luisa;-Otero López, María Luisa; Calvo Ferreiro, María Dolores; |
| |
As novas tecnoloxías e as conexións entre os cidadáns e o poder local
|
 |
Hai xa varios anos que o habitante do ciberespazo deixou de ser un simple e mecánico número dentro dunha estatística para converterse, grazas ás posibilidades de interacción que ofrece Internet, nun usuario/consumidor activo, con voz e voto en distintos procesos produtivos, burocráticos e comunicacionais. A participación, o intercambio, a cooperación e a reciprocidade forman parte do discurso das novas tecnoloxías ao mesmo tempo que debuxan o panorama relacional que se establece entre a administración e os cidadáns e, na súa escala máis básica, máis próxima, entre os concellos e os seus habitantes. A tecnoloxía xoga o papel de catapulta sobre a que se sitúan os poderes públicos e privados, tratando de muda-las regras para involucrar aos cidadáns en todos eses plans, obxectivos, estratexias, contratos e investimentos que se poñen en marcha para a implantación e avance das novas ferramentas tecnolóxicas. A filosofía da comunicación total, que Internet fai posible, revalorizou a información de proximidade e os ámbitos locais participativos. A responsabilidade das corporacións locais engloba tamén a procura de segmentos de interlocución áxiles, transparentes e eficaces con veciños que aspiran a manter cos dirixentes políticos dos seus municipios un contacto e unha interacción máis alá do escenario electoral. A dixitalización está cambiando as estratexias informativas de moitos núcleos de poboación en Galicia que aspiran a formar parte do ciberespazo para, entroutras cousas, remove-lo tradicional e preguiceiro enganche burocrático. Os pequenos concellos teñen na rede a posibilidade de entablar un proceso de interacción tan contundente como enriquecedor. As relacións inauguran unha nova cultura, baseada na capacidade de acceso a unha información que contribúe a un intercambio de formación, opinión e coñecemento entre o poder e o cidadán, interesado en promover accións que melloren a súa calidade de vida, como poden se-la xestión de impostos, a procura de emprego ou a solicitude de certificacións, sen necesidade de desprazamentos e aforrando tempo e enerxías. O obxectivo do traballo, polo tanto, é analizar, documentar e situa-la evolución do uso das tecnoloxías da comunicación e da información nos concellos galegos, revisando as características que definen e definiron os seus sitios web durante os dez últimos anos, tempo que permite coñecer o grao de funcionalidade e de utilidade das páxinas das corporacións municipais, así como as distintas variables de xestión e a súa incidencia social. ¿Son eficaces á hora de subministrar servizos estables á veciñanza? ¿Ofrecen información actualizada? ¿Responden aos intereses dos cidadáns ou son en realidade instrumentos de influenza e poder social? A comprobación da credibilidade coa que se achegan aos habitantes permitirá establecer, ademais, as dificultades e as vantaxes que supoñen as novas formas de comunicación, así como a relevancia do intercambio entre o poder e a cidadanía. |
 |
|
 |
|
|
|