| |
|
|
Comunicaciones |
|
Estudios sobre el discurso |
|
|
 |
| Ribao Fernández, Roberto - |
| |
O silandeiro comezo do poder simbólico da fotografía na prensa.
A revista Vida Gallega |
 |
Ata os inicios da época dourada do fotoxornalismo (a partir dos anos trinta do século pasado), a fotografía na prensa veu sendo historicamente concibida, ben como apoio ilustrador dos textos, ben como atractivo visual que procura o sensacionalismo e a espectacularización, ou ben como ferramenta que posibilita a conversión do xornalismo doutrinario ao xornalismo informativo, mercé á capacidade denotativa e descritiva daquela. Porén, a penas se ten analizado a importancia simbólica da fotografía naqueles primeiros anos do seu uso na prensa.
A partir do estudo do discurso gráfico de Vida Gallega, principal revista gráfica galega do primeiro terzo do século XX, obsérvase que esta ofrece unha visión idealizada e interesada tanto da sociedade galega como da emigración a América (un dos seus temas basilares), e que usa a fotografía nos espazos informativos como ferramenta promocional dos representantes, negocios e intereses comerciais da burguesía emerxente. Este uso da fotografía informativa, non só para dar conta da realidade, senón tamén como soporte promocional e publicitario, como ferramenta para construir o protagonismo e a notoriedade e como elemento interpretativo e opinador baixo a escusa do realismo fotográfico convertéuse, co paso do tempo, nun dos principais síntomas da modernidade.
A expensas doutros estudos de caso sobre o discurso gráfico de revistas da época que poidan confirmalo, proponse que o papel da fotografía nas primeiras revistas gráficas foi algo máis ca ilustrativo, que houbo “vida” antes que Life. E que foi precisamente nos espazos gráficos informativos daquelas onde comezou a excitación masiva da pulsión visual humana que caracteriza a actual sociedade occidental. Coa súa entrada na prensa, a fotografía, a parte de contribuir á mellora da capacidade informativa daquela, tamén reforzou o seu potencial opinador, interpretativo e promocional, operando de xeito máis silandeiro ca espectacular, mercé a que non ofrecía a faciana interventora da escrita, a que semellaba menos arbitraria ca esta na súa selección do noticiable, a que mostraba a realidade de xeito directo a un público acostumado a circunloquios textuais e a que era quen de mostrarse como unha polivalente metonimia capaz de construir modelos a partir de imaxes únicas.
|
 |
|
|
 |
|
|
|