| |
|
|
Comunicacións |
|
Estudos sobre o discurso |
Mesa 4.15. Estudos sobre o discurso 15: Historia da comunicación en España e Iberoamérica
|
|
 |
| Martínez Durán, Iago- |
| |
Carlos Casares e a crítica literaria (A ledicia de ler, 1975-1987)
Literatura, medios de comunicación e construción do sistema cultural galego |
 |
O escritor Carlos Casares (Ourense, 1941-Nigrán, 2002) empeza a publicar en 1975 unha columna semanal nas páxinas do diario coruñés La Voz de Galicia. Nas estremas da crítica literaria, "A ledicia de ler" publícase primeiro cada domingo e máis tarde cada xoves, ao comezo no suplemento Los Domingos de la Voz e logo nas páxinas culturais –"Cultura" e "Cuaderno de Cultura"- que coordinan sucesivamente Arturo Lezcano e Luís Álvarez Pousa. A sección mantense de maneira estábel até 1988, cando o autor d'"Os escuros soños de Clío" empeza a manexar códigos máis achegados aos da columna e o artigo literario. Nese transo, no que a periodicidade é variábel, o escritor arrandea entre as páxinas de opinión e as culturais mentres experimenta con distintos encabezamentos, como "Día a día" ou "A marxe". Finalmente, a partir de 1992 e até o seu pasamento en febreiro de 2002, esta sección publicarase diariamente, case sen excepción, co nome de "Á marxe".
As investigacións sobre a obra xornalística de Carlos Casares, cinco anos logo da súa morte, son aínda escasas e precarias. Fóra dos ensaios publicados polo Consello da Cultura Galega en "Carlos Casares, a semente aquecida da palabra" (2003), os limiares que introducen as compilacións de artigos (1994, 2003 e 2005) e a miña propia achega, editada polo Instituto de Estudios Miñoranos (2003) nunha monografía sobre o escritor, non existe apenas bibliografía científica sobre este corpus. Canto á construción do SCG, que está a ser investigada polo grupo Galabra da facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela dentro do proxecto Portugal e o Mundo Lusófono na Literatura Galega (1968-2000), denominado Poluliga, a bibliografía científica tamén é escasa. Alén d'"O discurso do Faro de Vigo e o seu posicionamento en relación ao Proto-sistema Cultural Galeguista" (1968-1969), un traballo realizado en 2006 por Cristina Martínez Tejero e dirixido polo profesor Elías J. Torres Feijó, destaca a investigación "Identidade colectiva e medios de comunicación: La Voz de Galicia 1977-199", realizada por un equipo interdisciplinar dirixido polo profesor Ramón Máiz mediante o frame analysis.
Trátase nesta comunicación de poñer en relación os artigos que Carlos Casares publicou entre 1975 e 1988 en La Voz de Galicia, baixo o encabezamento "A ledicia de ler", co proceso de construción do Sistema Cultural Galego (SCG) nese mesmo periodo. Para isto cómpre analizar o exercicio da crítica literaria como unha ferramenta de fabricación de ideas e discursos sobre a cultura e un escenario de estratexias individuais e colectivas, escollas repertoriais, tomas de posición e homoloxías entre o campo literario e o campo do poder. Todo isto permitirá configurar un estudo de caso da emerxencia do SCG, da institucionalización do actual discurso cultural galego e do papel da crítica literaria e da prensa nese proceso. Ao mesmo tempo, desenvolverá un marco teórico e metodolóxico máis axeitado para analizar a evolución da posición do autor no propio sistema. |
 |
|
 |
|
|
|