| |
|
|
Ponencias |
|
Investigación da comunicación e docencia nas Facultades de Comunicación |
|
 |
Juan Antonio García Galindo |
|
O nacemento das Facultades de Ciencias da Información en España a partir de 1971 supuxo un revulsivo no panorama científico español. O impulso que deron as primeiras facultades ás emerxentes ciencias da información e da comunicación en España tardaría aínda algúns anos en dar froitos importantes, polo menos no relativo ao recoñecemento científico, por parte da universidade tradicional, da especificidade das ciencias da comunicación. Con todo, as achegas dos novos profesores e investigadores que se incorporaban nos anos setenta aos cadros de persoal das Facultades de Ciencias da Información, especialmente en Madrid e en Barcelona, empezaron a transformar aquel panorama cunha obra rigorosa e unha mirada crítica cara a un ámbito, o da comunicación nas súas distintas formas, bastante inexplorado, que se atopaba na antesala dun proceso vertixinoso de cambios tecnolóxicos e sociais que tomará forma anos máis tarde.
Máis de trinta anos despois daqueles inicios, o campo científico da comunicación construíuse, se nos atemos á inxente produción científica realizada desde entón, desde os departamentos universitarios, pero aínda se enfronta a dous grandes retos, ao meu entender. Dun lado, á definición máis precisa do seu propio corpus e ás súas relacións con outras ciencias; e, doutro, ao recoñecemento científico definitivo por parte da alta autoridade universitaria.
Doutra banda, rexurdiu nos últimos anos un interese crecente nas facultades universitarias cara á docencia nos nosos propios ámbitos de estudo, e mesmo cara á innovación docente en comunicación. Parece claro que as relacións entre innovación e investigación e a transferencia de coñecemento resultante son tres variables que han de incidir directamente sobre a práctica docente na Universidade. Os servizos de innovación docente que se foron creando nas universidades españolas propiciaron esta preocupación concreta sobre a mellora dos plans de estudo, xunto a políticas de avaliación que teñen a mesma finalidade.
Tratar de explicar algunhas das liñas de investigación en comunicación máis importantes que se levan a cabo nas facultades españolas, e nos seus proxectos e grupos de investigación, e tratar de profundar na problemática da docencia universitaria en comunicación, con alusión ao contexto no que investigación e docencia se desenvolven, serán, xa que logo, os obxectivos principais da miña intervención. |
 |
|
 |
|
|
|