| |
|
|
Ponencias |
|
Conferencia inaugural |
|
 |
Néstor García Canclini |
|
Investigar a comunicación. Retos científicos, compromisos sociais
A organización social das comunicacións foi estudada polo pensamento crítico como un sistema fracturado por brechas: entre os que posúen televisión gratuíta ou de pago; ou entre os que só reciben entretemento ou tamén información estratéxica; ultimamente, entre os que acceden ás tecnoloxías dixitais e os que quedan fóra ou só subutilizan os seus recursos máis elementais, como o correo electrónico e o teléfono móbil para se comunicaren. Sempre se analiza a fenda e o desequilibrio entre sociedades centrais e periféricas. Con todo, é posible unha comprensión máis complexa da significación cultural e social destes procesos -non como simple polarización- para concibir doutro xeito as políticas.
Unha das conclusións desta análise multidimensional da diversidade é que se cruzan as distintas diferenzas e desigualdades: étnicas, de xénero, educativas e de acceso ás tecnoloxías avanzadas e á comunicación transnacional. Esta comprobación ten consecuencias no estudo e a comunicación da diversidade, na análise das brechas, así coma no deseño de políticas interculturais.
A onde conduce relacionar os novos modos de informarse e coñecer coas formas actuais de comunicarse? Ante todo, vemos de xeito distinto a oposición entre sociedade da información e sociedade do coñecemento. Se nos interrogamos acerca de qué significa hoxe saber, saber para actuar con sentido na vida social, necesitamos transcender a noción de sociedade da información. Á vez modifícanse os hábitos dos estudos clásicos sobre cultura que incorren aínda en escisións gutemberguianas, premediáticas, atribuíndolles aos medios audiovisuais masivos o seren só provedores de diversión, a Internet de información e aos libros de coñecemento. A converxencia dixital incita a considerar xuntos os diversos modos de saber; entreternos e estar xuntos como partes interactuantes da mesma sociedade. Seguirá habendo medios especializados en informar, outros en divertir e outros en producir sabedoría ou ciencia. Pero tamén (uns poucos) especialistas en televisión e videoxogos fanse preguntas sobre o que se aprende neles, así como as universidades se preguntan (ás veces) en que sentido a difusión do saber pode ser parte vertebral da súa tarefa. Estas experiencias fan posible imaxinar un paso da reducionista sociedade da información a unha sociedade de coñecemento que, formulándose os desafíos da interculturalidade, chegue a ser tamén unha sociedade do recoñecemento. As necesidades de convivencia intercultural lévannos a combinar o estudo das brechas -entre países centrais e periféricos, entre informados e entretidos, entre as culturas letradas, audiovisuais e dixitais- coas estratexias de comunicación que faciliten a intelixibilidade e a coexistencia entre culturas. |
 |
|
 |
|
|
|